|
Comeza
un novo ano cunha nova edición do Iberojazz,
a terceira do seu periplo, asomándose ao
nacemento do ano 2008 na cidade da Coruña;
cidade que desde tempos históricos, propicia
os encontros culturais en todas as súas
formas e diversidades.
Para esta terceira edición, era
imprescindible facer un balanze histórico
do que foi e é o jazz en España
desde súas orixes, polo que a organización
e a dirección artística deste festival,
acordou dedicar a presente convocatoria aos 60
anos de historia do jazz en España.
Para iso, e servindo de preludio deste, contarase
coa presenza dunha lenda viva do jazz na península,
o singular e polifacético saxofonista Pedro
Iturralde, pioneiro da famosa corrente
flamenco-jazz, e que co seu cuarteto habitual,
presentará o traballo discográfico
Etnofonías, título que lle dá
a obra dedicada ao Camiño de Santiago,
que poderemos gozar no emblemático Teatro
Rosalía de Castro o día 4
de xaneiro.
Como cada ano, o festival situarase en diferentes
espazos da cidade e contará como principal
centro para o desenvolvemento dos concertos co
Auditorio do Fórum Metropolitano,
en que se realizarán catro dos nove acadados
para esta convocatoria.
Concertos como a homenaxe a Tete Montoliu,
da man do contrabaixista Horacio
Fumero, acompañante de Tete
ao longo de dezaseis anos, acompañado polo
pianista catalán Albert Bover, herdeiro
da tradición musical de Tete e o baterista
David Xirgu, os tres creadores dos seus propios
traballos discográficos. A presentación
do primeiro traballo discográfico dunha
das promesas femininas do jazz ibérico,
a percusionista-baterista viguesa Lucía
Martínez acompañada dun
grupo de músicos mozos portugueses. O compositor
e guitarrista coruñés Pepe
Evangelista, que fará a estrea
do seu novo disco co título de Teima,
en formación de cuarteto, en que estará
acompañado por tres importantes músicos
da escena galega, o saxofonista Roberto Somoza,
o baixista Kin García e o baterista
Miguel Cabana, e a voz de Belén
Xestal como artista invitada; daranse cita
no escenario do Fórum Metropolitano os
días 17, 10 e
31 de xaneiro, respectivamente.
O cuarto concerto programado no Fórum para
o día 18
reúne, sen dúbida, todos os ingredientes
da filosofía do Iberojazz. Trátase
este ano por vez primeira, de levar a cabo intercambios
musicais entre alumnos de diferentes escolas
superiores de Música de España e
Portugal. Para tal ocasión, Galicia
e Euskadi, a través de acordos entre
as correspondentes consellerías de Educación,
Conservatorio Superior
de Música da Coruña - Departamento
de Jazz (Cosmac), Centro
superior de música do País Vasco
- Departamento de Jazz (Musikene) e a organización
do festival, comprácense en convidar
o público a gozar dunha sesión de
jazz en que participarán un combo seleccionado
de cada un dos citados centros musicais. Este
concerto abrirá, sen dúbida, un
novo punto de referencia dos encontros entre a
gran diversidade das culturas ibéricas
actuais.
Os restantes espazos, que contarán con
catro actuacións, serán os clásicos
clubs de jazz da cidade, aos que lle temos
que agradecer o mantemento e o crecemento desta
música ao longo dos 25 últimos anos;
o lexendario Filloa, en que poderemos escoitar
por primeira vez na Coruña o día
17 de xaneiro
a un dos lexendarios grupos de jazz galego, pioneiro
do jazz ourensán, Abuña
Jazz, que lembrará nomes asociados
ao grupo xa desaparecidos coma Salvador Sala,
Suso González e a recentemente desaparecida
vocaslista-pedagoga norteamericana Sally Albaugh.
Xunto co veterano baterista-percusionista cubano
Calixto Oviedo,
acompañante de músicos como Rubén
González, Arturo Sandoval, cofundador
da orquestra "Adalberto y su Son"
e líder do grupo "Calixto Oviedo
y su Recompensa", que actuará
acompañado por músicos cubanos residentes
na cidade da Coruña, como o trompetista
Hansel Luis e o pianista Sergio Delgado.
O grupo vigués Vi-Gop
Quartet, que presentará seu
primeiro traballo discográfico Live, gravado
en directo cunha selección de composicións
do pianista Antonio López (Monano)
unha das novas promesas do jazz galego, que xunto
cos seus compañeiros conforma un grupo
compacto, para encher de jazz-bop galego, a noite
do 24 de xaneiro
no Garufa. Xa para dar remate a esta edición
do Iberojazz, e no Jazz Vides, teremos
a oportunidade de escoltar a un veterano do Jazz
da escena galega e da Coruña, o baixista
Quique Alvarado,
que estreará un proxecto novo para esta
terceira edición do Iberojazz en formación
de noneto con catro vocalistas, dous metais e
trío de ritmo.
¡Que
o gocedes..!
Alberto
Conde, director artístico do Iberojazz
|